07/03/2023
UN HOME DEBE PAGAR Á SÚA EXMULLER 200.000€ POLO COIDADO DOS FILLOS DURANTE O MATRIMONIO.
O Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Vélez-Málaga ditou unha sentenza nun procedemento de divorcio no que se pedía unha compensación por traballo doméstico e recoñeceuse que a esposa debía ser indemnizada polo exmarido coa cantidade de 204.624,86€ como compensación polo traballo no fogar e coidado familiar realizado durante o matrimonio, estando vixente o réxime de separación de bens.
Neste caso, durante o matrimonio, a esposa desenvolveu en exclusiva todas as tarefas do fogar e coidado das dúas fillas en común.
Os Tribunais veñen outorgando este tipo de indemnizacións tamén en supostos de parellas de feito cando unha das partes se dedica en exclusiva ao coidado do fogar e da familia. Esa actividade desenvolta no ámbito da familia supón, non só unha forma de contribución coas cargas familiares, senón que ademais contribúe na obtención dos ingresos patrimoniais ou económicos pola outra parte da parella, quen precisamente por iso pode dedicarse plenamente ao seu desenvolvemento profesional.
Os tribunais entenden que se realizou por unha das partes un traballo de coidado, atención e educación dos fillos sen contraprestación económica que redundou no propio beneficio da outra, permitíndolle ademais a realización destas tarefas o seu propio desenvolvemento profesional que, sen ningunha dúbida, non sería o mesmo se tivese que ocuparse do coidado e educación dos fillos, ou das tarefas domésticas máis elementais.
Como exemplo disto, na Sentenza de 22 de xuño de 2020 da Audiencia Provincial de Madrid nun suposto de parella de feito, o Tribunal entendeu que a compensación que tiña que aboar o pai da menor á nai era de de cen mil euros (100.000 €) porque despois de finalizada a relación sentimental, a nai non se beneficiou do éxito profesional do pai, e o empobrecemento da nai queda xustificado pola non percepción de cantidade algunha polo traballo e esforzo dedicado á súa familia, coidado do fogar e educación dos fillos e dedicouse en exclusiva a tales tarefas.